Wednesday 01 de May de 2024

Un cento de persoas asistiron á proxección das seis curtas sobre violencia de xénero creadas por alumnos de Secundaria


Un cento de persoas acudiron na noite de onte ao Auditorio Municipal para presenciar a proxección das seis curtametraxes realizadas e protagonizadas por alumnos de 4º de ESO dos seis centros de Secundaria do municipio: IES Nº 1, IES Leliadoura e colexios Bayón, Galaxia, Sagrado Corazón de Castiñeiras e A Milagrosa de Oleiros.

O evento, que contou coa presenza da concelleira de Educación e Servizos Sociais Maricarmen Vizcaya, estivo presentado pola directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras. Con estas proxeccións queríase escenificar o traballo realizado no último mes e medio por 300 rapaces que a través destes filmes de uns cinco minutos de duración querían amosar a súa visión sobre a violencia de xénero e de como atallalo.

Algunhas das obras decantáronse por empregar localizacións dos propios centros escolares ou os seus arredores (un comedor transmudado en cafetería, a praia de Coroso…), mentres que outras apostaron por outras vías creativas, como unha historia realizada integramente con debuxos ou a filmación dun vídeo musical (“Rascacielos”, popularizada por Demi Lovato).

Esta foi unha iniciativa promovida dende a Concellería de Igualdade a través do CIM (Centro de Información á Muller) e que conta co cofinanciamento da Deputación da Coruña.